Trasladan a unidade de Partos do Provincial para poder renovar as súas instalacións

Pontevedra
25 de agosto 2022

Está previsto que a reforma finalice antes do venres 16 de setembro. As obras supoñen o traslado provisional da actual unidade de Partos, cun operativo interno coordinado que se efectuará o luns 29 de agosto, ás dependencias da unidade de Medicina Interna-3 do Hospital Provincial, que se atopa no segundo andar do edificio

Área de hospitalización de obstetricia do hospital provincial
Área de hospitalización de obstetricia do hospital provincial / Sergas

O Servizo Galego de Saúde anunciou o inicio de obras de renovación da unidade de partos da área de obstetricia do Hospital Provincial de Pontevedra. 

Está previsto que a reforma finalice antes do venres 16 de setembro. Nestes traballos melloraranse os aseos, o chan da zona de dilatación e tamén se abordarán actuacións para humanizar o espazo. Instalarase aire acondicionado e vai cambiarse a lámpada do quirófano da Unidade.

As obras supoñen, ademais, o traslado provisional da actual unidade de Partos, cun operativo interno coordinado que se efectuará o luns 29 de agosto, ás dependencias da unidade de Medicina Interna-3 do Hospital Provincial, que se atopa no segundo andar do edificio.

Os actuais espazos de Medicina Interna-3 dispoñerán temporalmente dunha zona de exploración de urxencias, consulta de puerperio e polivalente, espazo asignado a nido, ademais de zonas de dilatación e paritorio.

Mentres se executen as obras, o quirófano 5 do Hospital Provincial utilizarase como quirófano de Obstetricia, segundo informan desde o Sergas.