A magnitude do incendio orixinado o pasado mércores na gasolineira dos Praceres leva a Marea Pontevedra a reflexionar sobre a presenza de instalacións deste tipo. Nomeadamente pensan nas dificultades de evacuación que presentan, entre outras, as situadas en pleno centro da cidade, as do Burgo e Benito Corbal. De aí que este colectivo urxa o estudo dun plan de traslado das que estean próximas ás vivendas ou no núcleo urbano.
Ademais, Marea Pontevedra cre "necesario e urxente" dotar á cidade dun Plan de Emerxencia, "claro, actualizado e coñecido" pola poboación afectada en caso de accidente.
Para iso, esta candidatura cidadá solicitará nos días vindeiros xuntanzas cos responsables do corpo de Bombeiros para coñecer o funcionamento do parque municipal e escoitar as súas suxestións. Tamén intentarán reunirse coa Xunta Local de Protección Civil e co director técnico de Emerxencias do Concello de Pontevedra.
Marea Pontevedra desvela esta aposta trala "evidente descoordinación" que viron no operativo despregado durante o incendio en Praceres. A súa número dous, Carmen Moreira, sinala que "os veciños viron moito descontrol e poucos bombeiros, e iso fixo que non soubesen como debían actuar e onde tiñan que ir () escoitando estoupidos e con medo a que as lapas alcanzasen os depósitos de combustibles".
Ante esta situación, Marea Pontevedra trasladará unha serie de preguntas ao goberno municipal para coñecer, entre outras cuestións, o protocolo de actuación con respecto a estas instalacións, se o corpo de bombeiros actual é suficiente ou carece de recursos humanos e materiais, que nivel de alerta se lle outorgou ao caso dos Praceres ou cantos simulacros de emerxencias se realizan anualmente.