O servizo de tramitación do DNI e o pasaporte que actualmente se presta no primeiro piso da Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa trasladarase de forma inminente ás antigas instalacións do Banco de España na rúa Fernández Villaverde. Trátase dun traslado xa anunciado hai cinco anos, tras a rehabilitación das instalacións entre 2010 e 2011, e desde entón reclamouse periodicamente, pero ata agora nunca estivera tan preto. Falta por concretar a data, pero PontevedraViva puido saber que será cuestión de días.
Desde este luns 2 de maio a vida volveu ás dependencias que albergarán o servizo, situadas en Fernández Villaverde entre o supermercado Froiz e a antiga sede do Banco de España. Puido verse a operarios facendo pequenas reparacións para a posta a punto das dependencias, que levaban case cinco anos pechadas desde que terminaron as obras de rehabilitación.
A noticia do traslado levaba xa varios días en boca dos traballadores da Comisaría Provincial da Policía Nacional e os rumores creceron cando empezou a verse actividade no edificio, que estaba tan abandonado que o portal de acceso mesmo colleu óxido. Con todo, ata este mércores non se confirmou. Foi tras unha reunión celebrada na sede da Subdelegación o Goberno en Pontevedra entre a ministra de Fomento en funcións e deputada do PP por Pontevedra, Ana Pastor, e representantes do sindicato SUP.
Fontes do SUP confirmaron o traslado e que será xa só cuestión de días, previsiblente a próxima semana, tras falar con Ana Pastor e agradecerlle as xestións realizadas en relación con este asunto. Segundo indicaron, o momento clave para desatascar a mudanza foi a visita do director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, a Pontevedra o pasado mes de febreiro. Aproveitando que se desprazaba á provincia para un acto en Vigo, acudiu á cidade do Lérez e visitou as instalacións de Fernández Villaverde.
Tras esa visita, se desploquearon as negociacións entre a Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio (Segipsa), que xestiona o edificio, e a Dirección Xeral da Policía para posibilitar o traslado. Tratábase de relacións que quedaran atrancadas porque a Policía non podía facer fronte ao elevado aluguer que lle pedían polas instalacións. Non transcendeu en que terminos será o aluguer, pero si que o acordo chegou.
Este traslado era unha reivindicación xa histórica da Comisaría e do sindicato SUP, que nos últimos meses retomara as protestas na rúa Fernández Villaverde para reclamar o traslado, pois entenden que as oficinas para a tramitación do DNI na Comisaría non ofrecen as condicións adecuadas para atender aos cidadáns e o edificio de Joaquín Costa necesita espazo para acoller a todo o persoal.
Con este traslado, o primeiro piso da Comisaría gaña espazo dispoñible para outra actividades propias da Policía Nacional.