Tratar en terra os lodos máis tóxicos, solución para a dragaxe do Lérez?

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

A dragaxe do Lérez será o primeiro asunto que o BNG traslade ao Parlamento na recta final desta lexislatura. Así o confirmou o deputado Luís Bará que, este mércores, reclamará á Xunta apostar por unha "terceira vía" para desbloquear esta actuación

Estado do Lérez á altura do Club Naval de Pontevedra
Estado do Lérez á altura do Club Naval de Pontevedra / Nacho Fuentes

A dragaxe do Lérez será o primeiro asunto que o BNG traslade ao Parlamento na recta final desta lexislatura. Así o confirmou o deputado Luís Bará que, este mércores, reclamará á Xunta apostar por unha "terceira vía" para desbloquear esta actuación.

Tras a negativa do sector do mar a que os lodos que se extraian desta dragaxe se depositen nas rías de Pontevedra ou Arousa, o BNG propoñerá que estude a posibilidade de trasladar estes materiais a terra para que sexan tratados en plantas especializadas.

"O mar non pode ser un vertedoiro", apuntou Bará, que considera que esta sería a mellor opción para tratar os lodos "máis problemáticos", aínda que resulte máis custoso para as arcas públicas. "Se o problema é o custo merece a pena facer o esforzo", engadiu.

Nesta "folla de ruta" para os meses previos ás eleccións autonómicas, segundo o deputado nacionalista, o BNG levará ao Parlamento galego asuntos como a mellora da PO-308 entre Pontevedra e Sanxenxo, o bloqueo da variante de Alba ou iniciativas relativas ao saneamento da ría e a depuradora de  Praceres.

O "colapso" da sanidade pública, subliñou Luís Bará, tamén será outro dos temas nos que o BNG "dará a batalla", con iniciativas relacionadas coa situación das urxencias de Montecelo, coa construción dun novo centro de saúde en Poio ou con medidas para reforzar a atención no PAC da Parda.

Bará lamentou que tras dez anos de "recortes e  privatizacións" a sanidade pública galega atópase nunha situación "límite" que se agudiza aínda máis na atención primaria pola redución de profesionais, a sobrecarga de traballo ou as listas de espera.