Trece furanchos abrirán en Marín neste 2024

Marín
22 de xaneiro 2024

Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural, mantiña un encontro coas persoas que abren estes establecementos tradicionais coa intención de marcar as condicións para este ano. Está previsto que a apertura sexa desde o 1 de febreiro ata o 30 de xuño tendo en conta que cada un deles non poderá exceder os tres meses de actividade para vender os seus excendentes de viño

Furancho con actividade en Marín no ano 2023
Furancho con actividade en Marín no ano 2023 / Concello de Marín - Arquivo

A cultura do furancho continúa moi viva en Marín e así está previsto que continúe neste 2024.

Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural, mantivo un encontro cos representantes destes establecementos temporais que se organizan para vender os excedentes da colleita anual de viño.

Os furanchos marinenses poderán abrir a partir do xoves 1 de febreiro e ata o 30 de xuño. Cada un destes establecementos non poderá exceder máis de tres meses aberto ao público para vender o viño.

Durante a reunión, o concelleiro lembrou que no caso de que algunha persoa aínda teña excedentes de viño pasado o prazo da tempada, estudarase a concesión dunha prórroga ata o mes de xullo.

Abrirán os mesmos furanchos que en 2023, un total de trece, aínda que o Concello non pecha a posibilidade  de que se some algún máis. 

Durante o encontro tamén se repasou a normativa para que se cumpra de maneira escrupulosa todo o establecido no marco legal conservando a identidade destes locais e revisando a ordenanza e as tapas que se permite poñer á venda.

Os representantes dos furanchos deberán solicitar a licenza ao Concello, que será o encargado de dar luz verde a dar a autorización a esta actividade típica de Galicia.