Trece ofertas compiten por executar a senda que unirá Mollavao con Os Praceres

Pontevedra
08 de xuño 2024

Esta intervención, licitada por preto de 6,3 millóns, permitirá habilitar un itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude pola marxe dereita da PO-546, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil.

Recreación dun dos tramos da nova senda da PO-546
Recreación dun dos tramos da nova senda da PO-546

A Xunta de Galicia recibiu trece ofertas para executar a obra da senda que unirá Pontevedra con Marín, na coñecida como a estrada vella de Marín, entre Mollavao e Os Praceres. 

Esta intervención, licitada por preto de 6,3 millóns, permitirá habilitar un itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude pola marxe dereita da PO-546, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil. 

A actuación, que conta cun prazo de execución de dezaoito meses, prestará especial coidado á seguridade e obrigará a reducir a velocidade dos vehículos, grazas á glorieta que se construirá á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

Esta glorieta facilitará, ademáis, o cambio de sentido dos vehículos que proceden de Marín e que queren acceder ao aparcadoiro disuasorio que se está construíndo apoiándose na traza da propia senda, na contorna do quilómetro 2+800 da PO-546.

Na obra incluirase a mellora tamén das paradas de transporte público, así como na renovación da iluminación do treito e a construción de dúas pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 45 metros sobre O Sartán.