A Xunta de Galicia publicou no DOG de este martes o anuncio polo que aproba o cambio de titularidade do teito inicial da PO-308, na Barca, a favor do Concello de Poio.
O cambio de titularidade será efectivo desde o mércores, e a partir dese momento correspóndenlle ao Concello de Poio todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como todas as funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova administración titular.
Trátase do tramo comprendido entre a ponte da Barca e o Casal de Ferreirós, e inclúese dentro do acordo asinado entre as dúas administracións e que vai permitir a transformación dunha das entradas principais ao municipio.
Precisamente, o Concello de Poio ten actualmente en marcha o proceso para licitar as obras de humanización entre A Barca e Casal de Ferreirós, un proceso no que participan oito empresas.
Esta é a primeira fase da humanización, cun orzamento de licitación de 1,7 millóns de euros.
A previsión inicial continúa, polo que as obras comezarán a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, o 9 de setembro, e prolongaranse aproximadamente durante un ano.
Os traballos terán como principais obxectivos garantir a accesibilidade dando prioridade ao peón.
En concreto, entre outras accións, reordenarase o espazo público coa renovación do firme e pavimentación de beirarrúas; crearanse aparcadoiros, zonas de carga e descarga e estacionamento para persoas con mobilidade reducida; e instalaranse zonas axardinadas e mobiliario urbano.