Este 2025 a praza de touros de Pontevedra cumpre 125 anos da súa inauguración, un aniversario que a empresa xestora, Irmáns Lozano, quere apuntar.
Responsables da entidade privada, en colaboración coa Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra e o Liceo Casino previron para o vindeiro sábado 5 de xullo un acto público no que se presentarán os carteis para a Feira da Peregrina.
Nesta convocatoria, como xa veñen facendo nas máis recentes edicións, contarase coa presenza dalgún nome relevante da tauromaquia. Esta vez serán dous, o gandeiro Victorino Martín e o destro estremeño Miguel Ángel Perera.
O evento estará conducido polo xornalista Gonzalo Bienvenida, pertencente á dinastía taurina dos Bienvenida e neto do mítico matador Ángel Bienvenida. Comezará ás 12.00 horas no Liceo Casino e a entrada é gratuíta.
A afección pontevedresa, así como a que acode á capital en agosto con motivo da súa feira taurina, terá ocasión este ano de frecuentar máis o coso de San Roque xa que serán até tres as corridas de touros que se celebren.
As dúas primeiras coincidindo co fin de semana grande das festas, 9 e 10 de agosto e o terceiro dos festexos para o festivo do venres 15.
Cabe pensar que, contando coa presenza de Victorino Martín e de Miguel Ángel Perera o próximo día 5, ambos estarán presentes na Feira da Peregrina. O primeiro regresando coas súas reses a Pontevedra tras unha longa paréntese desde as súas últimas intervencións nos carteis pontevedreses.
Taurophilos nas súas redes sociais apunta que os 'Victorinos' estarían acartelados con Perera, Fernando Adrián e Daniel Luque, apoderado pola casa Lozano e quen na última feira saíu aos ombreiros pola porta grande.
Outra boa noticia para a afección é que os fieis e seguidores do mestre cigarrero Morante de la Puebla volverán ter ocasión de velo. O matador está a vivir actualmente outro dos momentos máis álxidos da súa carreira, máxime tras o capítulo histórico que viviu o pasado 8 de xuño na corrida da Beneficencia madrileña.
Como tamén é habitual nos carteis da Peregrina, remataríanse o sábado 16 cun espectáculo ecuestre.
Volvendo á xornada do sábado 5 de xullo, a Coordinadora de Peñas Taurinas organizou unha becerrada popular a partir das 19.00 horas. A organización lembra que só se poderá acceder á praza con invitación e que está prohibida a entrada a menores de doce anos, tal e como recolle a normativa vixente.