As exportacións dos viños Rías Baixas seguen en aumento. Tanto que, segundo datos oficiais do Consello Regulador, tres de cada dez botellas que comercializan as súas adegas véndense en mercados estranxeiros. E así, a facturación por este concepto disparouse en 2016 ao superar os 33 millóns de euros.
En total, o valor das exportacións dos viños de Rías Baixas experimentou un aumento do 11,79% con respecto a 2015. Tamén creceu un 10,45% o volume de vendas, alcanzando as 8.536.938 botellas exportadas nos últimos doce meses.
Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Porto Rico e México son os cinco países onde máis se venderon os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas en 2016, aínda que o consello regulador sinalou que se produciron notables incrementos noutros mercados como Holanda, Irlanda ou Suíza.
As exportacións mantéñense no 28% das vendas totais de viños da denominación de orixe Rías Baixas, que o pasado ano alcanzaron os 22.965.703 litros de viño comercializados.
Das 183 adegas adscritas a Rías Baixas, son 103 as que actualmente se atopan en plans de exportación. Ao traballo e investimento individual realizados por todas e cada unha delas hai que sumar as campañas de promoción exterior desenvolvidas desde o Consello Regulador.
A firme aposta por estender o coñecemento e o prestixio dos viños de Rías Baixas materialízase en plans promocionais específicos nos principais destinos exportadores, ademais de accións concretas en mercados emerxentes.