Tres persoas foron detidas en Pontevedra por facer apoloxía do terrorismo xihadista a través das redes sociais e plataformas multimedia, nas que difundían material do Estado Islámico. Algún tiña miles de seguidores.
O tres arrestados son un español de orixe brasileira de 32 anos, un marroquí de 28 anos e un segundo cidadán español, este de orixe marroquí, de 22 anos, segundo detallou este luns o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
O primeiro deles ingresou en prisión por orde da Audiencia Nacional, que dirixe esta investigación, mentres que os outros dous quedaron en liberdade con cargos.
Ao tres implicados, que foron detidos o pasado 20 de xaneiro, investígaselles por difundir consignas xihadistas e cantos relixiosos musulmáns "cun forte poder adoctrinador no ideario xihadista extremista", explicou Losada.
Á hora de facer apoloxía do terrorismo empregaban e difundían, segundo os investigadores, material multimedia oficial do Estado Islámico "e transmitían mensaxes da súa rede oficial".
Ademais de distribuír estes contidos, o tres investigados adestraban a persoas "afíns ao Islam radical" e que, subliñou o subdelegado, se atoparían xa en "fase avanzada de radicalización".
Respecto diso, desde o Ministerio do Interior informaron de que, tras a aparencia de vídeos e publicacións sobre o adestramento físico, en modalidades como a calistenia ou a defensa persoal, camuflaban consignas e nasheeds cun forte poder adoutrinador no ideario xihadista, ao ser empregado material multimedia oficial da organización terrorista DAESH para eses fins.
As detencións foron realizadas pola xefatura do servizo de información da Garda Civil, con apoio do servizo de información da comandancia de Pontevedra. Ademais, contouse tamén con apoio analítico desempeñado pola Axencia da Unión Europea para a Cooperación Policial, EUROPOL.
A operación diríxena a Fiscalía e o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, que tamén desenvolveron nos últimos tempos outras operacións paralelas de similares características e polos mesmos delitos en Toledo e Madrid. Fontes consultadas por PontevedraViva confirmaron que os implicados non teñen relación entre eles.
"NON É VERDADE", DI A FAMILIA DUN
O irmán dun dos detidos, o mozo español de 22 anos con raíces marroquís, nega a vinculación do seu irmán co xihadismo. "Non é verdade. De toda a historia que se conta, non hai nada diso", asegurou en conversación con este xornal.
"Somos unhas persoas normais e o meu irmán naceu en España e é español. Levamos toda a vida en Pontevedra", asegura. Ademais, matiza que o seu irmán non chegou a comparecer ante o xuíz da Audiencia Nacional que investiga os feitos, senón que tan só estivo unhas horas na Comandancia da Garda Civil.
Así, relata que o mozo foi detido ás 13.45 horas e ás oito da tarde xa estaba de regreso na casa. "Tardaron porque lle estiveron mirando o móbil", detalla, pero nada máis. Asegura que saíu sen ningunha acusación.
Este mozo, tamén español, indica que o único dos tres implicados ao que levaron ante o xuíz en Madrid foi o mozo de orixe brasileira. É compañeiro de traballo do seu irmán nunha empresa de Poio e a el si lle rexistraron a casa e interviñéronlle o computador, pero non ao seu irmán nin ao outro implicado de 28 anos.
O irmán deste mozo, ademais, nega calquera vinculación co xihadismo: "Nós non somos así".