Tres detidos por agredir a dous policías cando pretendían identificar dous deles

Pontevedra
06 de abril 2022

Dous policías da Brigada de Policía Xudicial acudiron ao centro  Rexurdir ao ter coñecemento de que alí se atopaban dous homes sobre os que pesaban reclamacións xudiciais por outros delitos.  Os dous aludidos empezaron a agredirlles e tamén se uniu unha terceira persoa. Recibiron patadas, empuxóns e puñadas e precisaron atención médica

Intervención policial na rúa Cruceiro
Intervención policial na rúa Cruceiro / PontevedraViva

Tres persoas acabaron detidas e outras dúas resultaron feridas na mañá deste mércores nun incidente iniciado na contorna do centro  Rexurdir da rúa  Cruceiro, na zona da rúa A Barca de Pontevedra. 

A orixe do incidente foi unha intervención policial e as dúas persoas que resultaron feridas foron dous axentes da Policía Nacional que acudiron a este centro para realizar unha identificación. Ambos os policías acudían ao lugar vestidos de paisano e requiriron logo atención médica tras recibir patadas, empuxóns e puñadas por parte dos agora detidos. 

Fuentes oficiais da Comisaría Provincial indicaron que dous policías da Brigada de Policía Xudicial acudiron a este centro da asociación de axuda a persoas en situación de vulnerabilidade, risco e exclusión social Rexurdir ao ter coñecemento de que alí se atopaban dous homes sobre os que pesaban reclamacións xudiciais por outros delitos. 

Á chegada dos axentes, e cando pretendían identificalos, os dous aludidos empezaron a agredirlles e, xusto despois, uniuse á agresión unha terceira persoa que se atopaba no lugar. 

Finalmente, pediuse un reforzo, desprazáronse ao lugar varias patrullas rotuladas da Policía Nacional, que procederon á detención dos tres supostos agresores, como presuntos autores dun delito de lesións. 

Todo ocorreu pasadas as 11.30 horas da mañá deste mércores e testemuñas presenciais explicaron que se viron patadas, empuxóns e puñadas e que en todo momento a actuación policial resultou "correcta" e proporcionada, pero os tres agresores atacaron aos policías.