Tres días de loito en Cuntis polo falecemento do concelleiro Roberto Caeiro Duarte

Umia
08 de setembro 2023

A corporación municipal acordou esta medida que se inicia este sábado 9 e finalizará a última hora do luns 11. Tamén está previsto gardar un minuto de silencio en todos os actos lúdicos e deportivos que se celebren en Cuntis e nas instalacións municipais

Roberto Caeiro Duarte, concelleiro socialista, durante a constitución da corporación municipal en xuño de 2023
Roberto Caeiro Duarte, concelleiro socialista, durante a constitución da corporación municipal en xuño de 2023

Os portavoces dos grupos municipais de Cuntis acordaban este venres que o alcalde Manuel Campos decretara tres días de loito oficial, durante as xornadas do 9, 10 e 11 de setembro, debido ao falecemento do concelleiro Roberto Caeiro Duarte.

Roberto Caeiro fora designado portavoz do goberno despois das últimas eleccións municipais. Era o concelleiro responsable do departamento de Turismo, Patrimonio e Medio Ambiente, ademais se encargaba da xestión de actividades na biblioteca municipal de Cuntis.

Con motivo do seu pasamento tamén se establece que as bandeiras ondeen a medio mastro en todos os edificios municipais cun lazo negro.

A estas medidas tamén se suma a decisión de gardar un minuto de silencio en todos os actos lúdicos e deportivos que se desenvolvan nos próximos tres días nas instalacións municipais.