Tres empresas de Caldas doan á vila material de protección contra o coronavirus

Umia
20 de marzo 2020

Luvas, lentes, máscaras, traxes protectores, líquido desinfectante ou gorros. É parte da significativa doazón que tres empresas situadas en Caldas de Reis veñen de facer ao Concello na súa loita contra o coronavirus

Limpeza polo coronavirus en Caldas
Limpeza polo coronavirus en Caldas

Luvas, lentes, máscaras, traxes protectores, líquido desinfectante ou gorros. É parte da significativa doazón que tres empresas situadas en Caldas de Reis veñen de facer ao Concello na súa loita contra o coronavirus.

Este material de protección, en concreto, foi entregado pola compañía química Foresa e as alimentarias Clesa e Clavo Food Factory. 

O Concello xa puxo este material a disposición do centro de saúde, a residencia da terceira idade, o persoal do servizo de asistencia domiciliaria , o persoal municipal de obras e limpeza, a Policía Local, Protección Civil e demais empregados das oficinas municipais.

O alcalde, José Manuel Rey, agradeceu este "enorme xesto de solidariedade" e destacou que iniciativas como esta "axudan moito nuns momentos tan duros que nos afectan a todos ".

"Dende o minuto un as tres entidades puxéronse á nosa enteira disposición", engadiu Rey,

Caldas, a través da comisión de seguimento do coronavirus, planificou tamén un operativo especial de limpeza e desinfección no casco urbano que se cubrirá co persoal de limpeza e o reforzo dos operarios do servizo municipal de obras e do corpo de Protección Civil.

Durante os próximos días realizaranse desinfeccións diarias nas contornas dos establecementos de alimentación, das farmacias, dos bancos e, en xeral, daqueles comercios que manteñan o servizo durante o estado de alarma.

Ademais, Benestar Social está realizando un seguimento diario de todos os anciáns e dependentes que viven sos para coñecer posibles necesidades ou atender urxencias. Calquera cidadán nestas condicións que precise axuda pode facer uso deste servizo especial a través dos teléfonos 609 829 292 ou 986 191 958.

Con respecto ao caso positivo por coronavirus detectado no centro residencial de Caldas, o alcalde sinala que mantén o contacto permanente tanto coa súa responsable como co persoal do centro de saúde e as autoridades sanitarias. Mantéñense os protocolos de vixilancia, control e illamento correspondentes para velar pola seguridade e saúde da poboación. 

O alcalde recordou que, tras o positivo detectado, Protección Civil realizou unha desinfección nas inmediacións desta instalación e tamén do centro de saúde próximo e outras rúas da vila e zonas próximas a farmacias e comercios.