Tres empresas optan a redactar o proxecto de renaturalización do Gafos

Pontevedra
18 de xullo 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, anunciou este xoves que hai tres ofertas de empresas que optan ao contrato para a redacción do proxecto de execución para a recuperación e restauración ecolóxica do Gafos, que supoñerá eliminar a cuberta do río ao seu paso polo barrio de Campolongo

Traballos de mantemento do tramo pechado do paseo cuberto  do Gafos en Campolongo
Traballos de mantemento do tramo pechado do paseo cuberto do Gafos en Campolongo / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, anunciou este xoves que hai tres ofertas de empresas que optan ao contrato para a redacción do proxecto de execución para a recuperación e restauración ecolóxica do Gafos, que supoñerá eliminar a cuberta do río ao seu paso polo barrio de Campolongo. 

As empresas interesadas son Calco, Territorio y urbanismo (Madrid); Otima, Ordenación territorial, infraestructuras y medio ambiente (Vigo) e a UTE conformada polas firmas viguesas Aquática Enxeñería Civil máis Rodríguez y Rivoira arquitectos.

O orzamento desta licitación é de 108.625 euros e está incluído dentro do total da execución da futura obra que ten un custo total que ascende a 2.249.719 euros e conta cunha subvención de preto de 1.766.000 euros, financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, achegando o Concello o medio millón de euros restante.

O prazo previsto para a redacción do proxecto é de cinco meses. Unha vez presentado o proxecto por parte da adxudicataria, comezará o proceso de licitación da obra.

A empresa Calco executou proxectos como o Fil Cultural de Barcelona, a Rede de refuxios climáticos de Manacor ou o Plan de acción do barrio de El Puche, en Almería. Pola súa banda, Otima é a responsable da reordenación do Barrio do Cura de Vigo, da antiga casa.cuartel das Neves ou do complexo deportivo de Ponteareas.

Mentres que Aquática executou a rede de abastecemento de Tomiño, a EDAR do Grove, a rexeneración da praia de Riazor, a mellora do porto de Sidi Ifni, a reurbanización de Camelias ou o porto deportivo da Toxa. Rodríguez e Reboiras son os arquitectos do paseo marítimo de Bouzas.

"Trataremos de adxudicar o antes posible porque isto si que é prioritario a efectos de poder executar o proxecto antes posible", comentou o alcalde.