Tres empresas optan ao contrato municipal do Servizo de Axuda no Fogar

Pontevedra
25 de xaneiro 2018

Trátase de OHL, Fundación para o Estudo e a Promoción da Acción Social (Fepas) e a empresa especializada Idades SL

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar / Ayuntamiento de Madrid

Tres empresas interesáronse polo contrato do Servizo de Axuda no Fogar que o Concello de Pontevedra ten en fase de licitación. Trátase de OHL, Fundación para o Estudo e a Promoción da Acción Social (Fepas) e a empresa especializada Idades SL.

A anterior concesionaria deste servizo, a empresa Clece, presentara un recurso especial en materia de contratación porque entendía que o prezo que establecía o contrato era insuficiente. A resolución desta reclamación acaba de ser comunicada ao Concello de Pontevedra por parte do tribunal administrativo central de recursos contractuais que rexeita a demanda posta por Clece.

A actuación municipal está "xustificada" ao entender este tribunal, dependente do Ministerio de Facenda, que o estudo económico que fai o concello é "totalmente coherente". Ademais na súa resposta o tribunal ten en consideración os prezos que se pagan noutros concellos como O Grove, Vigo, Betanzos, As Pontes ou Abegondo.

O martes 30 de xaneiro na mesa de contratación abriranse as plicas dos licitadores que se presentaron.

PARQUE DE CAMPOLONGO

Por outra banda o concelleiro de Facenda, Raimundo González, informou da existencia dun erro de redacción no contrato do parque de Campolongo o que obriga a "resetear e volver reiniciar" todo o proceso.