Tres feridos nun grave accidente de circulación na Vía Rápida do Salnés

Sanxenxo
25 de agosto 2017

O condutor dun dos vehículos afectados quedou atrapado e foi necesaria a intervención de Emerxencias Sanxenxo e Bombeiros do Salnés para liberalo antes da súa evacuación. O suceso, que se produciu ao redor das 14:20 horas, obrigou a cortar por completo a circulación na vía

Accidente na vía rápida do Salnés
Accidente na vía rápida do Salnés / Servizo de Emerxencias

Tres persoas resultaron feridas de diversa consideración nun accidente de circulación acontecido na Vía Rápida do Salnés, a estrada VG4.1.

O suceso tivo lugar ao redor das 14:20 horas no quilómetro 22,500 do viario, á altura do cemiterio de Noalla, con dous turismos involucrados.

O ferido de maior consideración foi o condutor dun dos vehículos, no que viaxaba só, ao quedar atrapado e necesitar a intervención de Emerxencias Sanxenxo e Bombeiros do Salnés para liberalo, cortando o teito do coche, antes de proceder á súa evacuación. Segundo os servizos de emerxencias o home permaneceu consciente en todo momento.

No outro turismo viaxaban dúas persoas máis, que tamén foron trasladas ao hospital polos efectivos de Urxencias Médicas.

A aparatosidade do choque obrigou a cortar a Vía Rápida do Salnés na súa totalidade, habilitando desvíos para o tráfico rodado por estradas secundarias. Este corte mantívose ata as 17:00 horas aproximadamente debido aos labores de limpeza da calzada.

Ata o lugar do accidente desprazáronse cinco unidades da Garda Civil de Tráfico, o servizo de Emerxencias Sanxenxo, os Bombeiros do Salnés e tres ambulancias do 061.