Tres mariñeiros falecidos no naufraxio do barco "Sin Querer Dos" de Portonovo

O Salnés
19 de decembro 2018
Actualizado: 20:27

A bordo da embarcación había 10 tripulantes. Tres dos pescadores faleceron, un permanece desaparecido e os outros seis foron rescatados, sendo trasladados aos peiraos de Muros e Fisterra

Naufraxio dun barco en Portonovo / Salvamento Marítimo

Galicia volve estar de luto. O mar cobrouse novas vítimas. O barco pesqueiro "Sin Querer Dos", con base en Portonovo, naufragou este mediodía a 4,5 millas ao sur de cabo Fisterra. Salvamento Marítimo recibiu a alerta da radiobaliza ás 13:49 horas.

A bordo da embarcación había 10 tripulantes. Tres dos pescadores faleceron. Son, segundo os datos oficiais, Teófilo Rodríguez, Bernardo Padín y Manuel Serén, o patrón do pesqueiro, un home de ampla experiencia no mar. Todos eles son veciños de Cambados. 

Desta localidade tamén é Guillermo Casais, o mariñeiro que segue desaparecido. A súa procura, por agora, foi infrutuosa. Outras seis persoas foron rescatadas e foron trasladadas aos portos de Muros e Fisterra. A maioría deles presentaba hipotermia e recupéranse en diferentes centros hospitalarios. 

Segundo informou Salvamento Marítimo, o naufraxio mobilizou o helicóptero Helimer 401, o buque Salvamar Régulus e varios pesqueiros que estaban na zona (Hermanos da Silva e Miera da Costa) que rescataron as seis persoas con vida de dúas balsas salvavidas. O Helimer recuperou un cadáver e Salvamar os outros dous.

Coa chegada da noite, suspendeuse ata mañá a busca por aire do mariñeiro que continúa desaparecido. Na zona permanece a embarcación Don Inda de Salvamento Marítimo, que continuará coas labores de sondaxe durante toda a noite.

O buque accidentado é o "Sin Querer Dos", unha embarcación do cerco construída no ano 1996 e que actualmente é propiedade da firma Pescados Vixa, da empresa Francisco Muñiz e Hijos, S.A. con sede en Meaño.

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, explicou que o cerqueiro regresaba a Portonovo tras finalizar a súa campaña de pesca no Cantábrico. As cartas de navegación descartan que o barco chocara contra as rocas.

Desde o 112 Galicia, alertouse do ocorrido ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que se desprazou ata a confraría de Porto do Son para atender os familiares das vítimas desta traxedia marítima.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora