Tres menores, trasladados por intoxicación etílica a centros hospitalarios durante este sábado de peñas

Pontevedra
12 de agosto 2018

As ambulancias realizaron 19 intervencións, dúas menos que o anterior sábado. Un dos menores atendido atopábase en situación de intoxicación etílica debido á inxesta de asente, un licor de moi alta graduación que se atopa de moda entre a mocidade

Ambiente nas rúas no primeiro día das Festas da Peregrina 2018
Ambiente nas rúas no primeiro día das Festas da Peregrina 2018 / PontevedraViva

O balance das incidencias durante a xornada de peñas no primeiro día das Festas da Peregrina establece 19 intervencións das ambulancias que se encargaban de atender as urxencias, segundo informaban técnicos de Emerxencias Sanitarias. Son dúas menos que durante a celebración do pasado sábado.

Por parte das ambulancias do 061 realizáronse sete traslados por intoxicación etílica, dúas das persoas atendidas eran menores, un de 13 anos e o outro mozo tiña 17 anos. Neste caso, tratábase dun rapaz que se atopaba en moi mal estado ás 04.00 horas debido á inxestión de asente, un licor de moi alta gradación que se atopa de moda entre a xente máis nova. O asente que se comercializa presenta unha graduación entre os 55 e os 80 graos. Desde os servizos de Emerxencia amosan a súa preocupación pola aparición deste tipo de consumo entre menores.

A ambulancia da Cruz Vermella situada na praza de España realizou sete asistencias con dous traslados por intoxicación etílica. Nun destes casos tratábase dunha menor de 16 anos de idade. Tamén foi necesaria a atención dunha muller que se golpeou cunha atracción das festas en cálea Alameda.

Pola súa banda, Protección Civil tamén realizou varias intervencións atendendo a xente nova que se atopaba baixo efectos do alcol, pero sen necesidade de ser trasladados a un centro hospitalario.

Os técnicos de Emerxencias, preocupados polo consumo de asente entre menores

Desde o Complexo Hospitalario de Pontevedra indícase que desde as 22.00 horas do sábado ata as 08.00 horas do domingo atendéronse catro intoxicacións e unha agresión no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo.

Tamén se rexistrou un accidente de tráfico con cinco feridos que se trasladaban en dirección a Pontevedra para participar da festa de peñas. Unha das ocupantes do vehículo sufriu danos nunha  vértebra e tivo que ser atendida na UCI.

Pola súa banda, os técnicos de  Emerxencias agradecen a colaboración por parte dos dispositivos da Policía Local e a Policía Nacional durante toda a xornada, que axudaron nos labores de emerxencias ás persoas que precisaban dunha atención urxente. En todo caso, desde  a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE) manteñen que é insuficiente unha soa ambulancia da Cruz Vermella, contratada polo  Concello, para atender as incidencias das peñas e reclaman unha mellora deste servizo para próximas ocasións.