Unión Fenosa Distribución destinará 3,1 millóns de euros a financiar unha actuación que supoñerá unha notable modernización das instalacións da subestación eléctrica de Vilalonga e que inclúe soterrar as liñas de alta tensión que chegan desde Nantes e Cambados.
A actuación busca minorar o impacto visual e mellorar a subministración aos usuarios, segundo destacaron este venres o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o delegado da compañía en Pontevedra, Francisco Ramos, durante unha visita á subestación.
As obras supoñerán a blindaxe do parque de alta tensión a través dunha nova estrutura, compatible con futuras reformas da subestación. Contará con tecnoloxías de telecontrol e sensorización para mellorar os tempos de resposta en caso de incidencia.
O soterramento das liñas de alta tensión das subestacións de Nantes e Cambados supoñerán retirar 350 metros lineais aéreos de cableado e a retirada de dúas torretas de alta tensión, logrando un menor impacto visual e unha maior integración do servizo na paisaxe.
Este investimento enmárcase na liña de colaboración entre o Concello e a distribuidora que xa en 2022 asinaron a cesión dunha parcela da subestación para uso público durante 99 anos. Isto permitiu colocar unha marquesiña e crear dez prazas de aparcamento.
Tras esta actuación, segundo sinalou Telmo Martín, a empresa comprometeuse a que nunha segunda fase actuarase sobre os dous transformadores de alta e media tensión.