Catro coches protagonizaban un accidente na tarde deste luns en Ribadumia ao producirse unha colisión por alcance na que resultaron feridos tres menores de idade, dous deles irmáns, de 12 e 10 anos, ademais dunha amiga de 13 anos.
Os nenos eran evacuados por un familiar a un centro de saúde por precaución, segundo informan o 112 Galicia e servicios de Emerxencias.
Tamén unha condutora de 37 anos resultaba ferida e polos seus medios trasladábase a un centro sanitario. O resto de persoas implicadas resultaron ilesas, segundo informa o Servizo de Emerxencias de Cambados.
O accidente rexistrábase minutos antes das 17.30 horas. Un particular alertaba ao 112 Galicia do impacto dos catro vehículos na parroquia de Barrantes, na VG-4.2. Inicialmente, a persoa que chamaba só sinalaba danos materiais neste impacto múltiple.
Ata o lugar desprazábanse integrantes do servizo de emerxencias de Protección Civil de Cambados, que advertiron da presenza dos tres menores feridos.
Protección Civil de Cambados permaneceu no punto do sinistro á espera dun guindastre que acometese a retirada dun dos turismos accidentados. O carril sentido Cambados-Ribadumia estivo cortado durante arredor de hora e media, ata que finalizaron as tarefas de limpeza.
O 112 Galicia informou tamén os Bombeiros de Ribadumia, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Ribadumia.