O Tribunal Económico Administrativo de Pontevedra acaba de dar a razón á comunidade de montes de Mourente e exonerala de pagar o IBI relativo ás parcelas ocupadas polo Hospital Montecelo.
Esta resolución, que deu a coñecer a comunidade de montes, supón rectificar o criterio do Concello de Pontevedra.
Os recibos anulados corresponden ao ano 2023, polo que os comuneiros interpretan que tamén deberán ser anulados os emitidos nos anos 2024 e 2025.
A resolución, datada o día 9 de abril, é resultado dun contencioso iniciado no ano 2023 pola comunidade de montes de Mourente.
A orixe de todo foi a aplicación da sentenza que recoñecía a súa titularidade e que o Tribunal Supremo declarou firme no ano 2018. Naquel momento inscribiu no catastro as parcelas ocupadas polo Hospital Montecelo, o seu aparcadoiro e un pequeno taller de mantemento das instalacións.
Despois de inscribir os terreos no rexistro, o Concello de Pontevedra emitiu os recibos correspondentes a estas parcelas. O total reclamado ascendía a máis de 117.000 euros.
A comunidade de montes presentou recurso de reposición alegando que se trataba de "parcelas veciñais recoñecidas polos tribunais" e que ademais tiña asinado co Sergas un convenio de cesión de uso desde 2022, polo cal a administración sanitaria se facía cargo dos impostos aplicables, incluído o IBI.
O Concello de Pontevedra iniciou unha "inspección de campo" que os comuneiros consideran "absurda" para coñecer o uso das parcelas e determinou que estaban sendo utilizadas para o funcionamento dun hospital público, o seu aparcadoiro e un almacén. Entendeu o Concello que estes usos non eran propios dun monte veciñal en man común, polo que desestimou o recurso.
Os comuneiros presentaron a correspondente reclamación económico-administrativa, que agora rexeita os criterios utilizados polo Órgano de Tesouraría e Xestión Tributaria Municipal.
Segundo a información facilitada pola comunidade de montes, o tribunal considera que a documentación presentada pola comunidade "demostra claramente o carácter de monte veciñal en man común das parcelas en cuestión" e que ademais esa documentación xa estaba en poder do Concello de Pontevedra por ser parte demandada no litixio que deu lugar á sentenza.
A comunidade de montes de Mourente quere mostrar a súa "satisfacción" pola resolución, que vén darlle a razón nun contencioso que xa duraba case dous anos.
Tamén lamenta que "a arbitrariedade e miopía" do Órgano de Tesouraría e Xestión Tributaria do Concello de Pontevedra "obrigue a gastar miles de euros en recursos e reclamacións administrativas", pois "xa é a segunda vez que se ve obrigada a acudir a este tribunal para evitar ter que pagar un imposto do que está exenta".