Trinta e oito universitarios estranxeiros estudan en Pontevedra

Pontevedra
12 de setembro 2023

Un ano máis a Facultade de Comunicación é a que máis estudantes acolle, 17, seguida de Belas Artes, con 8

Persoal da Vicerreitoría de Internacionalización en Pontevedra
Persoal da Vicerreitoría de Internacionalización en Pontevedra / Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre 34 estudantes estranxeiros, aos que hai que sumar outros catro que se quedarán na cidade do Lérez durante o curso completo. Un ano máis a Facultade de Comunicación é a que máis estudantes acolle, 17, seguida de Belas Artes, con 8.

En total, na Universidade de Vigo son 289 estudantes, sendo 38 os que elixiron Pontevedra, 226 optaron Vigo e 25 por Ourense.

Igual que o resto de alumnado de novo ingreso, a pasada semana tiveron un acto de acollida en cada campus da man da Vicerreitoría de Internacionalización.

O perfil xeral do estudantado de intercambio que este cuadrimestre cursará estudos na Universidade de Vigo é o dunha moza, que chega a través do programa Erasmus+ e que procede de Italia. 

A internacionalización é un dos eixos centrais do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, entre outros factores, como estratexia para a captación de alumnado foráneo para facer fronte á crise demográfica e ao descenso de matrícula no ensino superior. 

Sen embargo este proceso ten algunas complicacións, fundamentalemnte os trámites administrativos e os calendarios. Por exemplo, o alumnado que quere vir estudar á Universidade de Vigo dende América Latina precisa pedir visados, un proceso que tarda certo tempo. Se a matrícula a fai en xullo e o curso comeza en setembro, non teñen tempo abondo para obter o permiso, buscar billetes e aloxamento. 

Por este motivo, a universidade está en conversas coa Xunta de Galicia para tratar de adiantar esa prematrícula e que o alumnado estranxeiro se poida prematricular entre febreiro e abril, como sucede noutras comunidades autónomas como Andalucía. 

Por outra banda, existe un problema coa homologación dos estudos que é un proceso moi complexo en España. Agora mesmo só teñen recoñecemento directo do que sería a ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade) con China, Andorra e, recentemente, Colombia. Isto implica que o alumnado ten que solicitar a homologación do proceso de acceso á universidade do seu país en España.