Un festival infantil solidario a prol da reforestación dos montes queimados. É a última iniciativa creada en Ponte Caldelas ao fío da vaga de lumes do pasado mes de outubro. Celebrarase o próximo xoves día 21, as 20.30 horas, no local da antiga discoteca Reyvi.
O festival está impulsado por Noemí Argibay Pampín, empresaria local que dedica estes días a pechar os últimos detalles para que todo saia á perfección.
As entradas terán un custo de 3 euros para os adultos e de 2 euros para os menores de 18 anos. Toda a recadación estará destinada a sufragar un proxecto de rexeneración nos montes queimados, completando así as accións emprendidas polo Concello de Ponte Caldelas nos últimos meses.
O proxecto, que se desenvolverá a partir do próximo mes de xaneiro, consistirá na adquisición de landras de carballo autóctono e a súa plantación nos lugares máis adecuados, baixo a dirección de técnicos forestais.
As entradas poden adquirirse xa na herboristería Sándalo, cafetería Aries, zapatería Yoli e seguros Mapfre. Hai tamén unha "fila cero" de 3 euros para as persoas que queiran colaborar, pero non poidan asistir ao evento.
Durante unhas dúas horas, a directora deste proxecto levará adiante un espectáculo no que participará un grupo duns 30 nenos e nenas pertencentes á escola infantil Papaventos, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Todos eles son veciños de Ponte Caldelas ou da contorna e alumnos do colexio Cordo Boullosa ou do instituto.
O programa consiste na interpretación de cancións clásicas da música pop, pasando por The Beatles, Frank Sinatra, Joaquín Sabina ou ABBA nun ambiente do máis divertido. Haberá tamén tempo para o reguetón da man dos máis cativos. Todo o espectáculo estará presentado por Antón Xil Covelo, un neno que, con só 11 anos, asumirá esta responsabilidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.