Triplica a taxa de alcohol un condutor interceptado cando circulaba erraticamente por San Salvador

Poio
09 de maio 2021

Os axentes da Policía Local de Poio identificaban este domingo o home de 59 anos, veciño do municipio, que presentou unha taxa de alcohol en aire expirado de 0,85 mg/l cando a normativa actual non permite circular por viarios públicos con taxas superiores a 0,25 miligramos por litro

Intervención dos axentes da Policía Local ao detectar irregularidades na condución
Intervención dos axentes da Policía Local ao detectar irregularidades na condución / Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio interceptaban durante a mañá deste domingo 9 de maio un vehículo ao comprobar que o seu condutor circulaba de maneira errática pola parroquia de San Salvador sobre as 11.20 horas.

Ao observar que a condución resultaba irregular, os axentes déronlle o alto e ao realizar a proba de alcoholemia, comprobaban que a taxa que presentaba de alcohol en aire expirado era de 0,85 mg/l, superando o triplo do establecido, xa que a normativa actual non permite circular por vías públicas con taxas superiores a 0,25 miligramos por litro en aire aspirado.

Ante estes niveis, a Policía Local procedeu a instruír dilixencias que serán remitidas ao xulgado para a celebración dun procedemento rápido no que o home, un veciño de Poio de 59 anos, será acusado de conducir cunha taxa de alcol superior á permitida e condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Por encima do 0,60 mg/l, o condutor incorre nun delito penal e enfróntase a unha condena de entre tres e seis meses de prisión, de seis a doce meses de multas económicas ou de traballos en beneficio para a comunidade, e á perda do permiso de conducir durante un período que pode chegar a catro anos.