Turismo promocionará Pontevedra a través de clubs deportivos que xoguen fóra de Galicia

Pontevedra
18 de novembro 2015

Publicitar a marca Pontevedra a través do deporte. Esa será unha das liñas de traballo que se marcha para 2016 a sociedade Turismo de Pontevedra, segundo avanzou este mércores a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. Así, aumentaranse os patrocinios deportivos a clubs da cidade, que serán repartidos seguindo unha serie de criterios obxectivos nos que están a traballar os técnicos municipais

Anabel Gulías, concelleira do BNG
Anabel Gulías, concelleira do BNG / Mónica Patxot

Publicitar a marca Pontevedra a través do deporte. Esa será unha das liñas de traballo que se marcha para 2016 a sociedade Turismo de Pontevedra, segundo avanzou este mércores a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.

Así, desde Turismo de Pontevedra aumentaranse os patrocinios deportivos a clubs da cidade. Fronte aos 202.000 euros de 2015, dedicaranse o próximo ano uns 231.600 euros, que serán repartidos seguindo unha serie de criterios obxectivos nos que están a traballar os técnicos municipais.

Entre outras cuestións, Anabel Gulías asegurou que para esta repartición terase en conta a categoría na que milite cada unha destas entidades e, en todo caso, só poderán acceder a elas os equipos que diputen competicións deportivas fóra de Galicia. Ademais, nesta liña de patrocinios non se inclúen a deportistas individuais.

Os clubs beneficiarios deste patrocinio deberán situar a Pontevedra nun lugar destacado dos seus uniformes, segundo uns parámetros nos que se están traballando.

O outro gran obxectivo de Turismo de Pontevedra para 2016 será deseñar un plan de promoción da cidade como destino turístico. Con el, sinalou a edil do BNG, búscase "poñer en valor o noso modelo urbano" para atraer un turismo familiar, non só de orixe nacional senón tamén internacional, apostando para iso por convenios, insercións en medios e unha maior presenza en feiras representativas do sector.

Ademais, Anabel Gulías avanzou que espera manter en próximas datas un encontro cos responsables de Turismo na Deputación para "repensar" a repartición de puntos de información turística que existen na cidade. Para o goberno municipal, hai un que debería ser retirado para evitar duplicidades: a caseta habilitada da Praza de España. Pero, en todo caso, esperan decidilo entre ambas as administracións.

En total, o orzamento de Turismo de Pontevedra para 2016 ascenderá aos 403.000 euros.