A XXXVIII edición da Semana Galega da Filosofía recupera o seu formato presencial en Pontevedra, con difusión tamén en streaming, nun evento que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de abril nun espazo aínda sen concretar. Se as obras rematan a tempo, o escenario elixido sería o Teatro Principal, e no seu lugar o Pazo da Cultura.
A Semana Galega da Filosofía levará por título Filosofía e Contrahexemonías. Este mércores, o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, e a vogal Montse Bragado reuníanse co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, no edificio consistorial de Michelena 30, para explicarlles o programa e relatores previstos e que serán anunciados en detalle este venres.
"Parécenos moi interesante o tema escollido, máxime no momento actual, onde semella medrar o pensamento único no mundo. Coido que é unha Semana moi interesante e Pontevedra volverá ser o centro galego, español, probablemente europeo, dun debate filosófico de alto nivel. Estamos orgullosos e valoramos enormemente o esforzo da Aula Castelao de Filosofía para manternos ao día todos estes días e centrar en Pontevedra toda esta actividade que nos coloca no mundo", manifestaba o alcalde de Pontevedra.
O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, explicaba que "escollemos este tema, Filosofía e Contrahexemonías, porque pensamos que a contrahexemonía é ese discurso que se opón a esa práctica dos poderes ou dos discursos dominantes. É importante telos en conta, sacalos á luz, poñelos na palestra e discutir ao redor deles, pois é unha boa forma de reflexionar, de facer unha análise crítica; alén da política, tamén desde o punto de vista social, cultural, moral".
Cendón González sinalaba que o tema fora escollido moito antes da guerra en Ucraína, que tristemente pon de relevo os perigos do pensamento único. Neste sentido, xa avanza que a situación no leste de Europa estará moi presente nesta edición da Semana Galega de Filosofía.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.