UGT amosa a súa preocupación porque o emprego da comarca se centra na hostalería

Pontevedra
01 de maio 2023

Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, lamenta que no se realizase unha manifestación conxunta neste Primeiro de Maio porque "os lemas son os mesmos" para todas as centrais sindicais

Manifestación de UGT no 1º de maio
Manifestación de UGT no 1º de maio / Cristina Saiz

UGT saía en manifestación, despois de moitos anos, de maneira individual neste Primeiro de Maio, despois de que Comisiones Obreras decidise organizar a súa marcha en solitario.

Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, volveu lamentar esta situación porque "queriamos que fose en unidade".

En todo caso manifestou que tentarán que nos próximos anos se retomen as convocatorias conxuntas, unitarias e reivindicativas "porque os lemas son os mesmos", asegurou en referencia ás catro manifestacións que na mañá deste luns 1 de maio percorrían as rúas de Pontevedra organizadas por outras tantas centrais sindicais: Comisiones Obreras, CIG, UGT e CGT. "*É unha mágoa para nós", lamentou o dirixente sindical

Sinalou, por outra banda, a preocupación laboral que se vive na comarca ao non producirse un cambio de políticas cara á industrialización e manter a dependencia do sector terciario baseado na hostalería e o comercio, "un sector moi débil", expuxo Vidal.

Explicou que é necesario saír á rúa para protesta porque a forza social é a que cambia as políticas para mellorar cando hai un "goberno sensible".

O secretario comarcal de UGT teme tamén a crise que está a provocar a banca nos traballadores. Lembrou que toda a poboación axudara a este sector cando se produciu a crise bancaria e agora "están a afogarnos". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora