Última fase do plan anual de rozas en Marín

Marín
01 de agosto 2023

As intensas chuvias que se viviron na primavera e no inicio do verán obrigaron a reforzar as rozas habituais de camiños, tanto nas parroquias como no casco urbano. O luns comezaron os traballos no itinerario peonil que une a Escola Naval con Lapamán a través da PO-551

Desbroces
Desbroces / Concello de Marín

O plan anual de rozas posto en marcha polo Concello de Marín encara a súa fase final cos traballos nos últimos núcleos pendentes e un reforzo nas zonas nas que volveu crecer a maleza.

Estes traballos realízanse durante todo o ano e agora entran na súa fase final e o Concello "intensifica" as tarefas. 

As intensas chuvias que se viviron durante a primavera e no inicio do verán obrigaron a reforzar as rozas habituais de camiños, tanto nas parroquias como no casco urbano.

Neste mes de agosto, será a quenda dos traballos nos núcleos na zona 4, que se corresponden coas zona de Pardavila, Fixón, O Pozo, Cadrelo, Silvestre, Troncosa, Esperela, Ruanova, Sobreiras, Ameal, Oubiña, Currás, A Torre, Cernello, Igrexario de Santomé, Allariz, Miñán, Candóns e Pastoriza.

Por outra banda, este luns comezaron os traballos de limpeza e roza do itinerario peonil que une a Escola Naval con Lapamán a través da PO-551 e nos próximos días levarase cabo tamén a senda na PO-313 entre Coirados e Cadro e as beirarrúas de San Xulián.

Estes traballos faranse simultaneamente co repaso de zonas nas que aumentou a maleza despois de ser rozadas en primavera: A Raña, Viñas Blancas, Bravos, Arealonga ou O Pitanxo. Xa de cara a finais de mes empezarase a limpeza dos montes do concello, que se prolongará durante o mes de setembro. 

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, lembrou este martes, a través dun comunicado, que nos últimos dez anos o Concello de Marín mellorou "notablemente" en materia de rozas, pasando de acometer algúns traballos moi puntuais a ter un plan integral do municipio, "para o que se destinan moitos máis recursos, tanto económicos como humanos".