Última xornada de regatas de Juan Carlos I en Sanxenxo, de novo acompañado pola Infanta Elena

Sanxenxo
30 de xullo 2023

Xa con menos expectación que nas xornadas precedentes, o monarca emérito chegou este domingo ao fío das 12.00 do mediodía ao Real Club Náutico de Sanxenxo para participar na segunda e última xornada de regatas do XXIV Trofeo Hotel Carlos I Silgar da calse 6 metros de vela

Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' para iniciar a regata prevista para o domingo 30 de xullo
Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' para iniciar a regata prevista para o domingo 30 de xullo / EFE / Lavandeira Jr

Con menos expectación que en xornadas precedentes, tanto de medios de comunicación como de curiosos, pero levantando igualmente un gran balbordo.

Así chegou este domingo Juan Carlos I ao Real Club Náutico de Sanxenxo para saír, en principio por última vez, a regatear a bordo do 'Bribón'.

O rei emérito, como de costume, chegou á dársena no coche do seu anfitrión e amigo Pedro Campos, ao fío das 12.00 horas, coa intención de participar na segunda e última xornada do XXIV Trofeo Hotel Carlos I Silgar, quinta proba puntuable para o V Circuito Liga Española da Clase 6 Metros de vela.

Era o seu terceiro día de navegación en augas da ría de Pontevedra, tras a toma de contacto do pasado xoves coa súa embarcación e a xornada de competición na que participou o sábado.

De novo nesta ocasión o ex-xefe do Estado estivo acompañado pola súa filla maior, a Infanta Elena, que en lugar de seguir a regata nunha embarcación auxiliar optou esta vez por subir a bordo doutro dos participantes.

A competición de vela ten previsto o seu final este mesmo domingo coa entrega de premios fixada ás 17.00 horas.

Esta é a terceira visita de Juan Carlos I a España, e a Sanxenxo en particular, desde que fixou a súa residencia en Abu Dhabi no ano 2020, lugar ao que ten previsto regresar o vindeiro martes 1 de agosto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora