Ultiman a adxudicación de 163 postos no mercadiño de Portonovo e cinco no de Vilalonga

Sanxenxo
01 de marzo 2021

A actividade reorganizarase en Baltar cun repintado dos espazos e unha nova localización para as flores e plantas

Mercado ambulante en Baltar
Mercado ambulante en Baltar / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo dará luz verde esta semana á adxudicación definitiva de 163 postos no mercadillo de Portonovo e cinco no de Vilalonga para o desenvolvemento da actividade durante 2021.

O Concello rexistrou 25 novas solicitudes de vendedores interesados en colocar o seu posto en Baltar, a maioría dedicadas ao sector téxtil e calzado, 23, e dúas destinadas a alimentación. En canto ao resto de autorizacións, a maioría dedícanse ao téxtil (102), pero tamén hai solicitudes para calzado, bixutería e complementos, alimentación, froitas, hortalizas e flores ou plantas.

A actividade celébrase todos os martes e xoves pola mañá na chaira de Baltar. 

Co obxectivo de reordenar a actividade e de prestar un mellor servizo, o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, encargou o repintado da numeración dos postos e habilitou un novo espazo destinado ás flores e plantas.

Esta actividade con cinco postos situarase a continuación da alimentación e non entre os postos de téxtil, calzado e bixutería como ata o de agora. Para iso asfaltouse o terreo que presentaba importantes irregularidades e delimitarase o espazo.

"Son postos que polas súas características necesitan moito espazo e a súa nova localización está mais acorde co tipo de produto que venden", explica Guisasola.

O repintado garantirá a distancia de seguridade esixida polas actuais medidas sanitarias e, ademais, cada posto deberá contar con xel hidroalcohólico e será obrigatorio o uso de máscara en todo momento tanto por vendedores como por compradores.

No mercadiño de Vilalonga, os cinco postos son unha prórroga de 2020, tres destínanse a téxtil, dous a froitas e hortalizas e un á venda de bacallau. Esta actividade celébrase todos os martes pola mañá na Praza Pública da parroquia.