As piscinas fluviais de Viascón estarán dispoñibles para o uso dos veciños este mesmo verán.
Así o asegura o Concello de Cerdedo Cotobade tras supervisar as obras que se están a levar a cabo para que este espazo natural estea operativo "en breve".
Os traballos, adxudicados á empresa Deseño Enxeñaría e Xestión de Obras S.L. por un importe de 120.274 euros (IVE incluído), permitirán renovar de maneira integral a zona de lecer.
O proxecto contempla a mellora dos accesos, a execución de novos pavimentos, actuacións de drenaxe, rehabilitación de muros, creación de novas zonas verdes e arboledo, ademais da renovación da iluminación e da accesibilidade do recinto.
"O noso compromiso foi sempre recuperar este espazo canto antes para que a veciñanza puidese volver desfrutalo este verán", asegura o alcalde, Jorge Cubela.
"En canto tivemos a oportunidade volvemos sacar o proxecto a concurso porque tiñamos claro que Viascón merece unhas instalacións renovadas e seguras. Estamos facendo un seguimento permanente dos traballos para que todo estea listo o antes posible", sinalou o rexedor.
Cubela visitou as piscinas de Viascón acompañado do concelleiro Javier Lois Abal 'Chufi'.
Ambos os dous aseguraron que o goberno municipal considera esta intervención unha actuación estratéxica para poñer en valor un dos enclaves naturais máis representativos de Cerdedo Cotobade.