Últimas horas da fin de semana na que Poio máis sabe a mar

Poio
26 de agosto 2018

Combarro encara este domingo o quinto día da nova edición da Festa do Mar, a número 18 do evento, con moi boas expectativas de asistencia por parte das persoas que, ano tras ano, non se queren perder a celebración na que a vila mariñeira sabe mesmo máis a mar do habitual

Festa do Mar de Combarro 2018
Festa do Mar de Combarro 2018 / Diego Torrado

Combarro encara este domingo o quinto día da nova edición da Festa do Mar, a número 18 do evento, con moi boas expectativas de asistencia por parte das persoas que, ano tras ano, non se queren perder a celebración na que a vila mariñeira sabe mesmo máis a mar do habitual, non só polas viandas que se serven na carpa, senón por todas as actividades paralelas organizadas

O eixo central da Festa do Mar é a carpa gastronómica, que está aberta de mañá a partir das 13.00 horas e pola tarde a partir das 19.00. Este domingo aínda se poden apurar as últimas horas da degustación. 

Así, veciños e visitantes poderán degustar un variado menú no que destacan as ameixas á mariñeira (9 euros), ameixas con fideos (7,5 euros), arroz mariñeiro (7 euros), berberechos á prancha (13 euros), luriñas á prancha (10 euros), croquetas de carne (7 euros), fritura de mar (14 euros), lagostinos á prancha (10 euros), gambas á prancha (13 euros), mexillóns ao vapor (4,5 euros), pescaditos fritos (7 euros), ou a tapa pequena de polbo á feira (11 euros). Consulte aquí a táboa completa de prezos.

Este evento, que mestura tradición marítima, gastronomía e música, celébrase en Combarro desde o mércores 22 de agosto cun programa ambicioso que inclúe o encontro de embarcacións tradicionais, a degustación gastronómica e os eventos musicais, entre os que este ano destacan a décima edición do festival Aramdiña Rock e os concertos da cantante Amaia Montero o xoves 23 e a Orquestra A Fórmula, que este domingo 26 pechará a programación.

En canto ao encontro de embarcacións, o venres comezaron a chegar a Combarro os barcos participantes sendo o día forte o sábado 25 con dúas regatas na ría de Pontevedra, unha de vela e outra de embarcacións a remo.  

Durante as cinco xornadas de celebración está activado en Combarro un dispositivo especial de seguridade, en especial nos momentos previstos de maior afluencia de público, como lestes domingo, no que participan efectivos de Policía Local, Protección Civil e Garda Civil, ademais de persoal de emerxencias sanitarias.