Último intento do PP para lograr a reapertura de Raíña Victoria

Pontevedra
28 de novembro 2023

Os populares presentaban este martes 28 de novembro en Rexistro unha iniciativa de modificación da Ordenanza reguladora da mobilidade amable, para que sexa o pleno municipal o que decida a reapertura da avenida Reina Victoria, quitándolle á Alcaldía a atribución que esta Ordenanza lle recoñece

A concelleira popular, Pepa Pardo, e o presidente do PP local, Rafa Domínguez
A concelleira popular, Pepa Pardo, e o presidente do PP local, Rafa Domínguez /

O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra presentaba este martes 28 de novembro en Rexistro unha iniciativa para a modificación da Ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra, de outubro de 2020.

Os populares pretenden a modificación do artigo 4 para que as competencias para ordenar o peche da circulación rodada nas rúas pasen da Alcaldía (ou concelleiro ou concelleira delegados, segundo indica o devandito artigo) ao pleno municipal. Esta acción posibilitaría para o PP local que a avenida Reina Victoria se reabrise ao tráfico. 

O presidente do PP local, Rafa Domínguez, e a concelleira e número dous, Pepa Pardo, anunciaban esta proposta.

Para Domínguez "o goberno deu as costas os pontevedreses e o pleno, que exerce a súa representatividade, despois de que a maioría votásemos a favor da reapertura de Raíña Victoria e do traslado do mercadiño ao centro".

Pola súa banda, a concelleira e avogada presentou os detalles dunha proposición que vai permitir "outorgarlle ao pleno as competencias e retirarllas ao alcalde, ou ao concelleiro do goberno no que delegue". 

A edil explicou que, despois da presentación desta modificación, o seguinte paso será a elaboración dun informe por parte de secretaría do pleno que se levará a ditame a comisión, onde se poderán facer as alegacións pertinentes, antes de someterse ao seu debate e aprobación en pleno. O PP, ao ter maioría, podería aprobalo tanto coa abstención como co voto favorable do PSOE.