Un brinde das autoridades cos Mareantes inaugura a carpa de San Patricio

Pontevedra
16 de marzo 2023

Este xoves reuníronse representantes de todos os partidos da corporación municipal na carpa de Praza España para inaugurar "un clásico da cidade" como San Patricio, unha celebración que une a actividade social, a música e a cervexa

Un bridis das autoridades para inaugurar a carpa de San Patricio
Un bridis das autoridades para inaugurar a carpa de San Patricio / Mónica Patxot

Este xoves 16 de marzo tivo lugar o acto inaugural da carpa ubicada en Praza España con motivo da celebración de San Patricio, da man do clube de rugby Mareantes. O acto contou coa participación de representantes de todos os partidos políticos da corporación municipal.

A carpa permanecerá aberta os días correspondentes ao evento ata o domingo 19 de marzo ás 17:00 horas. O derradeiro día, segundo declarou Roberto Juncal, presidente do clube de rugby Mareantes, levarase a cabo unha sesión vermú.

O mércores celebrouse o primeiro concerto da man de Ariadna Santa e este xoves están previstas as actuacións de Mad Martín ás 20:00 horas e Mr.Magoo ás 22:00.

Juncal explicou que nesta iniciativa participan os pais dos xogadores do clube, a directiva e os membros do equipo que se organizarán en quendas rotativas para poder ofrecer o mellor aos asistentes.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, insistiu en que "agardamos que sexa unha fin de semana de cervexa, comida e bo ambiente". Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra, afirmou que este evento era "xa un clásico da cidade de unir a cervexa con Galicia e co rugby".

Tamén quixo incidir en que o máis importante "é a colaboración cun equipo de rugby que necesita apoios económicos para poder subsistir" e indicou que esta iniciativa era unha forma divertida e agradable de facelo.