Un calendario para presumir todo o ano das paisaxes de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
22 de decembro 2017

O Concello de Ponte Caldelas está a desexar un feliz ano a todos os veciños e aos comerciantes do municipio coa entrega da segunda edición do seu calendario específico que recolle 12 imaxes que reflicten o valor patrimonial e paisaxístico do municipio

Presentación do Calendario 2018 de Ponte Caldelas
Presentación do Calendario 2018 de Ponte Caldelas /

O grupo de goberno de Ponte Caldelas editou 2.800 calendarios coa intención de que todos os fogares e os establecementos comerciais do municipio conten cun exemplar. A repartición realizarase ao longo das próximas semanas.

Neste material recóllense 12 imaxes de lugares de valor patrimonial ou paisaxístico do Concello, ademais inclúense os festivos locais e as datas de celebración das festas de todos os lugares e parroquias do municipio.

O calendario pretende tamén converterse nunha ferramenta de promoción turística e de orgullo entre os veciños. Así se recollen fotografías das Campás de Silvoso, o Val de Xustáns, as Sequoias de Buchabade, o Foxo do Lobo de Laxoso, as Casas Indianas de Anceu, o Barranco do río Verdugo, os Petróglifos de Tourón ou a Cama do Home de Taboadelo, entre outras.

Ademais, este venres, os integrantes do equipo de goberno formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG felicitaron as festas ao persoal do Concello co tradicional petisco gastronómico de Nadal.