Un camión cargado con penso envorca e sementa a estrada de Vilagarcía en Barro

Barro
18 de febreiro 2014

O vehículo envorcou na tarde deste martes na estrada PO-531 ao seu paso por Curro e foi necesario que operarios da empresa Avigal-Avícola de Galicia se desprazasen ata alí para recollela. Fixérono a man, con pas

Camión con penso envorcado na estrada PO-531 en Barro
Camión con penso envorcado na estrada PO-531 en Barro / Mónica Patxot

Un camión da empresa Avigal-Avícola de Galicia envorcou na tarde deste martes na estrada PO-531 en Barro e, no accidente, perdeu toda a carga que levaba, un cargamento de penso.

Todo o produto alimentario quedou tirado no medio da calzada, na estrada que une Pontevedra con Vilagarcía ao seu paso por Curro (Barro) e foi necesario que operarios da empresa se desprazasen ata alí para recollela. Fixérono a man, con pas, con axuda dos veciños.

Segundo indicou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse ás 16.20 horas no lugar de Fonte do Curro, onde o condutor do camión perdeu o control por motivos que se descoñecen e envorcou. Ningunha persoa quedou atrapada, pero si houbo feridos.

Ao lugar do sinistro desprazáronse efectivos de Urxencias de Galicia 061, Protección Civil de Barro e a Garda Civil de Tráfico, que regulou a circulación mentres perduraron as tarefas de limpeza da calzada.

COLISIÿN DE TRES COCHES

O 112 tamén tivo constancia dun accidente con feridos na rúa Rafael Areses de Pontevedra ás 14.15 horas deste martes.

O sinistro consistiu nunha colisión con tres vehículos implicados no que, polo menos, unha persoa resultou ferida.