Un camión procedente da localidade coruñesa de Boiro e con destino a Lourido, en Poio, provocou ao redor das oito da mañá deste mércores unha situación de perigo para o resto de vehículos que circulaban pola vía ao verter gasóleo en todo o seu percorrido.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, tanto na autoestrada AP-9 como en varias rúas do municipio detectaron líquido deslizante na calzada e hai constancia de tres accidentes provocados por esta situación.
Dous dos accidentes ocorreron na autoestrada AP-9 e o terceiro na avenida Peirao Besada de Lourido. A esa mesma, o 112 deu conta dunha saída de vía na AP-9 en Barro na que resultou ferida unha muller.
Unha vez que o condutor se deu conta da vertedura, xa en Lourido, el mesmo deu aviso tamén do suceso.
O condutor foi finalmente localizado en Lourido. O rastro de gasóleo detectouse tanto na AP-9 como na zona do Nó de Bombeiros e en todo o percorrido ata Lourido: A Barca, avenida de Andurique, avenida Peirao Besada e avenida da Praia.
A situación derivou en varias chamadas de condutores preocupados e a Policía Local de Poio pide "máxima precaución".
Os medios de conservación de estradas desprazáronse á zona para limpar todo o percorrido.