Un catálogo identifica as variedades locais de cultivos galegos

Pontevedra
05 de abril 2022

A obra, coautorizada polas científicas da Misión Biolóxica de Galicia María Elena Cartea e Estefanía Suárez, recolle os resultados das investigacións realizadas nos últimos dous anos sobre as variedades vexetais locais

Acto de presentación do catálogo na Deputación
Acto de presentación do catálogo na Deputación / Deputación de Pontevedra

O salón de plenos da Deputación foi escenario da presentación do 'Catálogo das coleccións vexetais locais da Misión Biolóxica de Galicia' durante a mañá deste martes 5 de abril. A obra, coautorizada polas científicas da Misión Biolóxica de Galicia María Elena Cartea e Estefanía Suárez, recolle os resultados das investigacións realizadas nos últimos dous anos sobre as variedades vexetais locais.

Cartea considera de gran importancia e utilidade que a poboación coñeza os cultivos da zona e mostrouse conmovida pola cantidade de asistentes ao acto, quen puideron obter de balde un exemplar do catálogo, froito dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Javier Rey, delegado do CSIC en Galicia, destacou o traballo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, por incidir tanto no apoio ás investigacións científicas. Ademais, Silva celebrou o traballo das mulleres neste ámbito coa intención de evitar a invisibilización que sufriron ao longo da historia.

"Temos que cambiar o mundo e temos pouco tempo, por iso hai que apoiar a ciencia e a innovación" remarcou a presidenta para poñer en valor o esforzo dedicado a este libro. Tamén aproveitou para anunciar a continuidade da colaboración mediante un estudo dos usos alternativos dos cultivos agroforestais desde a perspectiva da sostibilidade, bioeconomía e respecto á biodiversidade.