Baixo o lema "Transporte escolar seguro, curso feliz" desenvolvéronse na chaira da Seca as actividades da oitava edición de Ponte a Conducir, un obradoiro de seguridade viaria no que participaron uns 120 nenos e nenas de colexios da comarca.
Esta actividade, impulsada pola FANPA Pontevedra en colaboración coa Policía Local de Poio, Tráfico, Protección Civil, a Subdelegación do Goberno ou o Concello de Poio, contou coa participación do Poio Bike Club ou de alumnos do bacharelato internacional do Sek Atlántico.
Os nenos e nenas que participaron nesta edición, que tiñan entre 3 e 12 anos, distribuíronse en grupos segundo a súa idade e foron rotando polas diferentes actividades que había.
Así, pasaron polo circuíto de karts, peóns e ciclistas para aprender normas básicas de circulación e mobilidade, para o que contaron con vehículos eléctricos e karts.
Houbo ademais un concurso de debuxo sobre educación viaria, un obradoiro sobre normas básicas de primeiros auxilios ou unha exposición de vehículos e medios de atención da Policía Local de Poio, Protección Civil, Cruz Vermella e a Garda Civil de Tráfico.
Un obradoiro formativo sobre bicicletas ou charlas para as familias sobre a seguridade viaria, coa finalidade de ensinar as normas de sobre o transporte escolar seguro, foron outras das actividades que se organizaron nesta edición.
Os participantes da oitava edición de Ponte a Conducir procedían de diferentes centros educativos de Poio, Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Meis, Vilaboa ou Moraña.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.