Un cento de palilleiras mostrarán as súas dotes para o encaixe nas Galerías da Oliva

Pontevedra
30 de marzo 2023

As Galerías da Oliva celebrarán este sábado 1 de abril a primeira edición da súa Xuntanza de Palilleiras, que prevé reunir un cento de mestras do encaixe de bolillo. O evento terá lugar entre as 10:30 e as 13:30 horas

Yoya Blanco, cos comerciantes das Galerías da Oliva
Yoya Blanco, cos comerciantes das Galerías da Oliva / Concello de Pontevedra

As Galerías da Oliva celebrarán este sábado 1 de abril a primeira edición da súa Xuntanza de Palilleiras, que prevé reunir un cento de mestras do encaixe de bolillo.

O evento, que terá lugar entre as 10:30 e as 13:30 horas, permitirá que o público asistente poida adquirir as distintas pezas elaboradas polas artesás e materiais para traballar que resultan bastante difíciles de adquirir noutros lugares.

Ademais, estarán expostas obras creadas por palilleiras e colectivos procedentes de Pontevedra, Vilanova de Arousa, Marín, Mos, A Lama ou Cambados.

Esta I Xuntanza de Palilleiras, organizada polo colectivo de palilleiras A Fieitiña, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, a través do departamento municipal de Promoción Económica, e da asociación de comerciantes das Galerías da Oliva.

Ademais, o profesor e escritor Mario Gallego Rey asinará uns libros centrados nesta arte do encaixe, que dará ata esgotar existencias, tanto ás palilleiras como aos cidadáns que se acheguen.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, convida a todos os pontevedreses e a pasar polas Galerías da Oliva para gozar duns traballos "que forman parte do noso acervo cultural e que, en moitos casos, son verdadeiras obras de arte".