A celebración da Gala Panorama contra o Cancro suporá es venres o despregamento dun operativo especial de seguridade e tráfico no que estarán implicados efectivos dos servizos municipais da Policía Local e Protección Civil e Emerxencias, a Policía Nacional e empresas de seguridade privada contratados pola organización para que o multitudinario evento transcorra con total normalidade. Agárdanse en Vilagarcía 20.000 persoas procedentes doutros municipios de Galicia e incluso de Asturias, León e norte de Portugal.
Máis de cen persoas velarán pola seguridade do evento no recinto de Fexdega, xa que o Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias mobilizará a 45 efectivos e a organización aporta 40 vixiantes de seguridade privada. A eles hai que engadir aos axentes da Policía Local e Nacional, que reforzan os seus respectivos servizos con motivo do evento.
Despois da experiencia do ano pasado, o operativo deste ano inclúe varias medidas para mellorar a fluidez do acceso do público ao recinto. Habilitarase unha segunda entrada e disporanse nove tornos, en lugar de catro, para regular de xeito seguro o acceso que estará controlado por un maior número de vixilantes a efectos de axilizar o control.
Dados os típicos problemas que se producen nas aglomeracións masivas de persoas, o dispositivo preveu tamén emprazar unha ambulancia en cada unha das entradas ao recinto posterior de Fexdega, por si fora preciso facer algún traslado de emerxencia. Para a realización de primeiros auxilios e atencións de pouca importancia, no interior do recinto habilitarase un Posto de Socorro que se emprazará a un dos lados do escenario. Tamén se mobilizarán ata o lugar da gala solidaria dous camións de extinción de incendios.
A Gala Panorama Contra o Cáncro inclúe na programación a actuación da orquestra galega, David Bustamante, Mónica Naranjo, Carlos Baute, Cali y el Dandee, Heredeiros da Crus, D Kuba e Efecto Pasillo, Juan Magán, Merche, Pablo Méndez Performances e Manuel Martínez de Medina Azahara.