Un certame artístico do Rotary Club encherá A Ferrería de 'pintores rápidos'

Pontevedra
30 de setembro 2014

Neste certame os artistas deberán plasmar nos seus cadros diferentes cantos da cidade de Pontevedra e "inmortalizarlos en el tiempo", segundo o presidente do Rotary Club Pontevedra, Arturo Ramírez. De todos os cadros que se vendan durante este día, o 40% do seu importe será doado a unha entidade benéfica

Xuntanza do alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores, con membros do Rotary Club
Xuntanza do alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores, con membros do Rotary Club

O II certame de pintura rápida Cidade de Pontevedra é a próxima actividade que organizará o Rotary Club na cidade. Así llelo trasladaron ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, varios membros deste colectivo solidario durante a reunión que mantiveron este martes no Concello de Pontevedra. Celebrarase na praza da Ferrería o próximo sábado 4 de outubro e repartirá 2.600 euros en premios para os artistas gañadores.

Neste certame, que o pasado ano contou cun gran número de participantes, os artistas deberán plasmar nos seus cadros diferentes cantos da cidade de Pontevedra e "inmortalizarlos en el tiempo", segundo o presidente do Rotary Club Pontevedra, Arturo Ramírez. De todos os cadros que se vendan durante este día, o 40% do seu importe será doado a unha entidade benéfica.

Refórzase así, sinalan dende o club de rotarios, o labor social e solidario deste colectivo de empresarios, que "sacamos tiempo de debajo de las piedras para ayudar a los demás". Ademais, este tipo de iniciativas busca tamén promover a cidade de Pontevedra cara ao exterior, xa que presumen da súa capacidade de divulgación e dunha rede que conta con 65 clubs e 1,3 millóns de membros en todo o mundo.

Neste sentido, o actual gobernador para o distrito 2011 do Rotary Club (ao que pertence Galicia), Andrés Barriales, sinalou que este "movimiento global de solidariedad" está formado por profesionais e empresarios "que se reúnen para conocerse, tener una amistad y proyectarla hacia el bien de la sociedad". Buscan, destacou, "identificar las necesidades de la sociedad y tratar de paliarlas".

Andrés Barriales asegurou que na súa visita encontrou o Rotary Club Pontevedra "activo e ilusionado" e apostando por numerosas actividades e proxectos en beneficio da sociedade pontevedresa.