Un ciclista de Barro, 'pillado' con case cinco veces máis alcohol no corpo do permitido

Barro
15 de xullo 2018

Con case cinco veces máis do límite de alcol permitido. Así circulaba un mozo de 29 anos, veciño de Barro, que foi interceptado pola Garda Civil na zona da Barosa. O ciclista ía circulando en zigzag e invadindo o sentido contrario á súa marcha

Axentes da Garda Civil interceptando un ciclista
Axentes da Garda Civil interceptando un ciclista

Con case cinco veces máis do límite de alcol permitido. Así circulaba sobre a bicicleta un mozo de 29 anos, veciño de Barro, que foi interceptado pola Garda Civil na zona da Barosa.

Segundo informou o instituto armado, o aviso dun cidadán alertou aos axentes da presenza dun ciclista que circulaba pola N-550, ao seu paso polo municipio de Portas, con evidentes síntomas de alcoholemia.

Unha patrulla da Garda Civil localizou ao mozo circulando en zigzag e invadindo o sentido contrario á súa marcha.

Nas probas practicadas para detectar a alcoholemia en aire aspirado, o ciclista deu senllos resultados positivos de 1,15 e 1,05, cando o límite establecido é de 0,25.

O mozo foi denunciado ante a Xefatura Provincial de Tráfico e enfrontarase a unha posible multa de 1.000 euros e á inmovilización do vehículo.

A Garda Civil lembra que os condutores de ciclos e bicicletas teñen as mesmas responsabilidades e obrigacións nas vías públicas que o condutor dun vehículo a motor e por tanto a taxa máxima de alcoholemia permitida é de 0,25 mg/l.