Un ciclista, ferido ao ser atropelado na avenida de Vigo

Pontevedra
11 de decembro 2022

Arredor das 14.00 horas deste domingo 11 producíase o impacto dun turismo contra unha bicicleta que circulaba entre a avenida de Vigo e a avenida María Victoria Moreno. Segundo informa a Policía Local, o ciclista sufría feridas de carácter leve e foi trasladado ao Hospital Montecelo

Viandantes tentan socorrer o ciclista despois de sufrir o impacto
Viandantes tentan socorrer o ciclista despois de sufrir o impacto

Un ciclista resultaba ferido a primeiras horas da tarde deste domingo 11 cando circulaba polo centro urbano de Pontevedra.

Segundo testemuñas presenciais, un turismo impactaba contra a bicicleta ao redor das 14.00 horas no cruzamento entre a avenida de Vigo e a avenida de María Vitoria Moreno. Persoas que se atopaban pola zona, alertadas polo accidente, tentaron socorrer inicialmente ao ciclista que quedou prostrado sobre a calzada.

Ata o lugar desprazáronse dúas dotacións da Policía Local de Pontevedra, que investigan as causas do accidente.

O ciclista foi trasladado ao Hospital Montecelo para someterse a unha exploración dos danos sufridos con motivo do atropelo. Segundo a Policía Local, inicialmente as feridas que presentaban eran de carácter leve.