Un ciclo de charlas abordará en Cuntis as necesidades das familias que conviven co Alzhéimer

Umia
24 de xaneiro 2024

A primeira das sesións terá lugar o martes 30 de xaneiro e será impartida pola enfermeira e técnica do Servizo de Integración Asistencial do Sergas, Ana Calvo. Nela explicaranse as vías de administración dos fármacos, as reaccións aos medicamentos e a dosaxe, entre outras cuestións

Sonia Castro, responsable do Centro de día de Agadea (esqda.), e traballadoras de Servizos Sociais de Cuntis
Sonia Castro, responsable do Centro de día de Agadea (esqda.), e traballadoras de Servizos Sociais de Cuntis

Este mes de xaneiro arrinca en Cuntis o ciclo de charlas 'Coidando', nas que se abordarán as necesidades físicas e emocionais das persoas con Alzheimer. O obxectivo é ofrecer aos coidadores, tanto familiares, como profesionais, as pautas para abordar de forma positiva a atención de persoas con deterioración cognitiva. 

Este ciclo está organizado polo Concello de Cuntis, Agadea Alzheimer e E-Saúde. Entre xaneiro e maio celebrarase unha charla ao mes.

A primeira das sesións terá lugar o martes 30 de xaneiro e será impartida pola enfermeira e técnica do Servizo de Integración Asistencial do Sergas, Ana Calvo. Nela explicaranse as vías de administración dos fármacos, as reaccións aos medicamentos e a dosaxe, entre outras cuestións. 

A seguinte será o 27 de febreiro, sobre cuestións legais, que será impartida polo avogado Eduardo Porta Viú. 

O 19 de marzo, será Uxía Rodríguez,dietista e nutricionista, a que explicará as claves da alimentación en persoas con Alzheimer.

Seguidamente, o 23 de abril explicaranse as ferramentas de intelixencia emocional, como son a empatía, a reflexión e a resilencia. Será impartida polo experto Miguel A. Gómez. 

O ciclo finalizará o 7 de maio, abordando a repercusión da música nos afectados. 

Todas as sesións son gratuítas, abertas ao público en xeral e terán lugar no Centro de Agadea en Cuntis, situado en Praza da Constitución 4, de 17 a 19h. Os asistentes recibirán diploma da Escola Galega de Saúde de Cidadáns, do SERGAS.
 
AGADEA

Agadea é unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas usuarias, familiares, profesionais e voluntarios que traballan por mellorar a calidade de vida dos afectados (enfermos e coidadores) pola enfermidade de Alzheimer e outras demencias. Para iso, ofrecen recursos, servizos e actividades que cobren as necesidades que van xurdindo nas diferentes etapas.