Un incendio que se rexistrou esta madrugada na entrada de Combarro provocou graves danos, tras calcinar por completo un coche e dous contedores.
O suceso, segundo informaron o 112 Galicia e a Policía Local de Poio, produciuse minutos antes das dúas e media da madrugada na Avenida da Cruz, na PO-308.
O lume, que comezou nun dos contedores, acabou afectando tamén a parte traseira dun segundo coche estacionado nas inmediacións e aos contadores de dúas vivendas.
Ao lugar acudiron efectivos do GES de Sanxenxo e axentes da Garda Civil.
As autoridades procederán á limpeza da calzada e á retirada dos restos dos vehículos e dos contedores queimados canto antes.
A Policía Local asegura que xa está a investigar o suceso para identificar ao responsable, xa que subliñan que todo apunta a que se tratou dun acto vandálico.