Un condutor descoidado levou por diante a media mañá deste venres varias pedras da ponte medieval de Ponte Sampaio, que acabaron na auga do río Verdugo.
As testemuñas do accidente alertaron á Policía Local de Pontevedra, que acudiu ao lugar para levantar atestado do ocorrido e entrevistouse co condutor, que lle relatou que estaba perdido e, cando chocou coa ponte, foi por un descoido cando tentaba manobrar.
O condutor, que deu negativo nas probas de consumo de alcol e drogas, explicou que estaba perdido e quixo parar no bar situado ao pé da ponte medieval para pedir indicacións. Cando empezou a manobrar, por descoido, levou por diante parte da ponte, segundo relatou máis tarde á Policía Local.
Os axentes municipais acabaron denunciando ao condutor porque as testemuñas presenciais relatáronlles que, tras o accidente, tentou ausentarse do lugar. Segundo a información facilitada pola Policía Local, esta acción é constitutiva dunha sanción porque provocara danos ao patrimonio e debía dar parte do accidente para facerse cargo do ocorrido.
Foron as propias testemuñas os que alertaron á Policía Local. Unha vez levantado atestado do ocorrido, os axentes adoptaron medidas de seguridade para evitar que se xerasen riscos para os condutores e peóns que paseen por esta zona tan transitada ao pé da ponte medieval.