Un concurso de fotografía para enxalzar a riqueza natural e paisaxística de Galicia

Pontevedra
04 de xuño 2018

No marco da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar este 5 de xuño, e baixo o lema "Pon o teu obxectivo na natureza", Sogama quere mostrar con este certame a diversidade natural da nosa comunidade e fomentar a súa protección

Sogama convoca o concurso fotográfico "Pon o teu obxectivo na natureza"
Sogama convoca o concurso fotográfico "Pon o teu obxectivo na natureza" / Sogama

Baixo o lema "Pon o teu obxectivo na natureza", e no marco do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebrará este 5 de xuño, Sogama, co apoio da marca Galicia Calidade, convoca un concurso de fotografía ambiental a través do cal pretende enxalzar a beleza natural e paisaxística da nosa comunidade.

Os interesados en participar dispoñen de prazo ata o 22 de xuño para enviar á entidade as súas mellores instantáneas, que deben ser canalizadas a través dun formulario específico habilitado no sitio web www.sogama.gal, no que deixarán constancia dos seus datos persoais e outros tales como o lugar no que se realizou a fotografía, título da mesma, mensaxe a transmitir, etc.

A designación dos premiados efectuarase por sorteo, que terá lugar na propia sede da Sociedade Galega do Medio Ambiente en Cerceda (A Coruña) e ante unha comisión designada aos efectos, estando conformada por un presidente, un secretario e dous vogais, todos eles membros da entidade.

O certame contempla tres galardóns, cedidos pola marca Galicia Calidade. O primeiro consiste nunha noite para dúas persoas no Hotel Nanín Praia Sanxenxo, incluíndo aloxamento e almorzo. O segundo, un xamón Torre de Núñez, e, o terceiro, un lote de produtos certificados por Galicia Calidade (viño e conservas).

A compañía publicará na súa páxina web, así como nas súas redes sociais en Facebook e Twitter "Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama", a resolución do concurso, poñéndose en contacto cos agraciados a través dos medios facilitados por estes.

A entrega dos premios será realizada directamente por Galicia Calidade.