Ninguén o esperaba, pero tampouco ninguén se sorprendeu demasiado. O crime ocorrido a pasada madrugada no barrio pontevedrés de Estribela ocorreu nunha vivenda abandonada e okupada na que, segundo indicaron os veciños da zona, hai "altercados constantes" e residentes "moi conflitivos", aínda que só entre eles, nunca cos veciños.
Neste caso, o incidente estivo cargado de grandes doses de violencia. O agora detido, de 47 anos, orixe portugués e que xa conta con múltiples antecedentes policiais, atacou a N.R.F.. En princpio, foi un ataque por temas relacionados coas drogas e descártase que sexa violencia de xénero.
A moza, de 33 anos, residía nesta vivenda xunto a outros dous homes, e tamén tiña antecedentes policiais. De feito, este mesmo martes tiña previsto un xuízo por un altercado que presuntamente protagonizou nos xulgados da Parda de Pontevedra, nos que entrou, causou desfeitas e mesmo queimou unha bandeira.
O atacante, supostamente toxicómano como a súa vítima, non vivía nesta casa, pero si acudiu onte á noite e, sobre as cinco da mañá, agrediuna cun arma branca coa que lle fixo múltiples feridas e tamén lle deu golpes na cabeza cun obxecto contundente. De momento, a causa da morte aínda non puido establecerse.
Todo ocorreu sobre as cinco da madrugada nunha vivenda do número 31 da rúa de Cunchidos de Estribela. Na casa contigua, a número 29, vive unha muller que non escoitou nada do ocorrido e a pasada noite quedou tamén a durmir o seu neto, de 22 anos, que si contou á súa familia que sentiu unha discusión.
Este mozo, segundo relatou a súa nai, "escoitou como alguén pedía axuda, axuda", pero "non lle deu máis importancia porque normalmente aquí móntanse festas". Están xa tan afeitos aos berros e discusións nesta casa en todos os anos que levaba okupada que lle pareceu unha máis.
Con todo, pouco despois saíu de casa para traballar e xa viu que había ata 14 policías e un home "ensanguentado" e "esposado". Era o detido, que foi detido pola Policía Local de Marín no lugar dos feitos e logo trasladado pola Policía Nacional aos calabozos da Comisaría de Pontevedra.
O ocorrido era este luns o único tema de conversación na zona alta de Estribela, no límite entre Pontevedra e Marín. Reunidos por grupos, ou desde as xanelas e portas das súas vivendas, os veciños comentaban o ocorrido e tamén os pormenores da convivencia nesa vivenda.
A casa, en moi mal estado de conversación e cunha bandeira pirata no exterior, leva "moitos anos" okupada, aínda que non sempre polas mesmas persoas. A agora falecida vivía desde hai anos alí.
Na casa tamén había un can que este luns foi rescatado pola Protectora de Animais Os Palleiros. A media mañá, unha furgoneta desta asociación acudiu a Estribela para facerse cargo do animal, que quedara só.
Eran "xente moi conflitiva", asegurou María, residente nunha vivenda próxima, aínda que matiza que tiñan problemas entre eles, pero "nunca cos demais". Os veciños nin sequera sabían quen vivía alí exactamente, pois "alí entra e sae moita xente" e van cambiando.
A vivenda estaba totalmente esnaquizada e chea de sucidade e maleza no exterior e os veciños relatan episodios previos como un apuñalamento ou problemas coa rede de sumidoiros que xeraron sucidade e malos cheiros. Os veciños mesmo piden "que tapien iso dunha vez" para evitar o que ven un foco de perigo.