Un de cada cinco veciños de Ponte Caldelas xa está conectado co Concello a través do TokApp

Ponte Caldelas
11 de febreiro 2018

Dous anos despois de que o Concello de Ponte Caldelas apostara pola aplicación de mensaxería instantánea TokApp, a canle institucional creada ten xa máis de mil usuarios. O ano pasado difundiu 182 mensaxes cun alcance de 48.161 destinatarios alcanzados 

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, cos responsables da APP
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, cos responsables da APP / Concello de Ponte Caldelas

Dous anos despois de que o Concello de Ponte Caldelas apostara por cambiar o seu xeito habitual de comunicarse cos veciños a través de SMS pola aplicación de mensaxería instantánea TokApp, a canle institucional creada ten xa máis de mil usuarios, o que implica que as comunicacións oficiais e novidades do Concello xa chegan directamente a un millar de veciños a través deste método. 

Segundo a información facilitada polo Concello a través dun comunicado, durante o ano pasado, o TokApp de Ponte Caldelas difundiu 182 mensaxes cun alcance de 48.161 destinatarios alcanzados. 

Superado o millar de usuarios e con esas cifras de alcance da aplicación, o Concello inicia unha campaña para incrementar a penetración do sistema co obxectivo de que a práctica totalidade da veciñanza con ordenador, tableta ou teléfono móbil se una a este xeito áxil e rápido de recibir informacións e avisos.

A implantación da aplicación supón que máis dunha quinta parte da poboación do municipio xa está conectada, pois a súa utilización está reservada a maiores de  16 anos empadroados. O único requisito é baixar a aplicación e presentar unha solicitude de alta no sistema no propio Concello ou na Casa da Cultura, asinando o formulario de protección de datos. 

O goberno local está moi satisfeito destes resultados e destaca que forma parte da súa aposta por unha administración transparente, aberta e que ofrece información constante á veciñanza a través de distintas canles dixitais e analóxicas.

O alcalde, Andrés Díaz, explica que o goberno local chega a todos os segmentos de poboación combinando os paneis de avisos que se están a instalar polas parroquias e a cartelería tradicional con este sistema aberto a toda á veciñanza, ademais dos grupos de WhatsApp destinados a colectivos específicos e para contidos concretos. Ademais, apostan por un uso intensivo das redes sociais.

O sistema de TokApp permite enviar mensaxes sen límite de caracteres, incluíndo todo tipo de arquivos adxuntos, e supuxo un aforro ás arcas municipais, pasando de máis de 2.000 euros anuais a só 600 euros con tarifa plana.